Ir a Fotos   Ir a Fotos  Ir a Fotos

PATRIMONIO NATURAL PAISAXE PATRIMONIO CULTURAL

O Caurel pertence á Rede Natura 2000, é Área Prioritaria para as aves e inclúese no Plan de recuperación do oso pardo en Galicia. Estas figuras de protección dan unha idea obxectiva do valor ambiental do Caurel.

Debido ás súas diferenzas de altitude, entre os 350 e os 1639 metros, a súa diversidade de solos, calcarios e silicios, e a súa localización entre dous mundos climáticos, o mediterráneo do Sur e o atlántico do Norte, o Courel, en pouco máis de 20.000 Ha, alcanza unhas cotas de biodiversidade sen parangón nas áreas de montaña europeas.

Todos os tipos de árbores que existen en Galicia están aquí e, xunto a eles, 23 especies de orquídeas, 123 especies de aves, ou 20 de morcegos, pero tamén o lobo e, cada vez con máis frecuencia, o oso. Un mundo de bolboretas inabarcable e na escuridade das covas especies únicas de escaravellos cavernícolas.

O Caurel é sinónimo de biodiversidade.

Esta impresionante biodiversidade esténdese sobre profundos vales e montañas xerando paisaxes incomparables.

Paisaxes ao grande como as devesas, os soutos coas súas aldeas, as extensións de colorida matogueira das primaveras ou os indomables ríos dominados polo Lor. Pero tamén paisaxes pequenas, como os rochedos cársticos cubertos de musgo, as fervenzas e torrentes, ou os troncos de mil formas dos castiñeiros centenarios.

Paisaxes, que fronte á Galicia monocromática do eucalipto e o piñeiro, cambian coas estacións. Hai mil Caureis no Caurel, mil Caureis no espazo, pero tamén mil Caureis no tempo.

Pero o que definitivamente converte ao Caurel nun lugar único é a pegada do home, presente nestas montañas dende a prehistoria. Aquí apareceron os restos humanos máis antigos de Galicia (10.000 anos) e con eles os primeiros restos do uro, a vaca primixenia. Todo na mesma cova, o primeiro galego e a primeira vaca.

Logo viñeron os asentamentos castrexos e pódese dicir que por cada aldea hai un castro. Cos romanos explotáronse as minas de ouro, o propio cámping aséntase sobre unha delas. Tamén desta época provén a expansión do castiñeiro que chega ata os nosos días cos soutos que rodean cada aldea. Aldeas que son todo un exemplo de arquitectura de montaña. A idade media deixou o seu sinal en igrexas e capelas xunto co castelo de Carbedo. E xa nos últimos séculos as ferrerías.

Un patrimonio material e inmaterial que esta á altura do patrimonio natural que posúe O Caurel.

National_Geographic
“O Courel é a maior reserva verde de Galicia”
ElPais
“Courel, tesouro de biodiversidad”
Desnivel
“O Courel, serra de fronteiras”

Acampar | Bungalows | Restaurante | Servizos | Grupos | Como chegar | Senderismo | Caurel | Reservas e Contacto | Enlaces